
Non sei. Pode que sexa porque son unha inculta da moda, ou ben porque son unha rañada ou simplemente porque son pobre. Dá igual. O caso é que non podo evitar sentir mareos, náuseas, urticaria, taquicardias e unha lixeira sensación de escozor na retina cada vez que lle miro a etiqueta do prezo, poñamos por exemplo, a unha camiseta de Miss Sixty.
E poño de exemplo Miss Sixty non porque teña nada en contra desta marca en especial, senón por un trauma que pillei certo dia que se me ocurreu coller na man por primeira vez unha das súas camisetas. Non sei porque misteriosa razón nese momento veu a miña mente o recordo daqueles marabillosos sábados de mercadillo, as rebaixas de verán do Bershka, os trapos de cociña da miña casa…
Oitenta euros.
Cando me din recuperado do shock emocional non tiven máis remedio que preguntarlle a dependenta a razón lóxica dese número. Oitenta euros. A súa resposta foi: “chica, lo que pagas es el diseño”.
Como excepción, fieime desta afirmación con pinta de frase prefabricada marca El Corte Inglés e púxenme a facer contas. ¿Cal é o valor do deseño se o prezo da camiseta con respecto a súa calidade desde o meu punto de vista era imposible que pasase dos cinco euros? Resposta: moito.
Con isto o que quero deixar claro é que o valor da marca, ou o que é exactamente o mesmo, o valor do deseño é moi alto, (¿demasiado alto?), tanto a nivel económico (como quedou comprobado no caso da camiseta co mesmo prezo que a miña comida de medio mes), como a nivel emocional.
Cando digo a nivel emocional refírome ao seguinte: se puideras permitirte vestir de Levis, Pepe Jeans, Adidas, Adolfo Dominguez, Thomas Burberry, Nike, Tommy Hilfiguer, Carolina Herrera, Quiksilver e demais familia… ¿seguro que lle irías comprar sempre e sen excepción a “Amancio”? ¿Cantos de vos matariades por lucirvos “enmarcados” dos pes á cabeza? E os que de verdade volo podedes permitir… ¿a que mola? ;)
Agora en serio, quero crer que ninguén sería quen de matar a ninguén por vestir de Lacoste pero tamén creo que non se pode negar a gran valoración que se lle pode chegar a dar ao deseño da roupa, moitos veces ata o punto de ser capaces de xulgar a unha persoa só pola marca que viste botando man dunha serie de estereotipos que se forman ao redor de determinadas marcas.
Pensade tamén neste sentido na industria das imitacións. ¿Canta xente opta por comprar unha imitación dun bolso de Dolce&Gabanna antes de comprar un de calquera outra marca máis económica simplemente polo feito de levar un deseño semellante ao orixinal?
Para rematar, unha última pregunta: ¿pensades que son unha inculta da moda-rañada, ou tamén creedes que é unha aberración pagar tantos cartos por un concepto tan abstracto como o deseño?
¡Espero respostas!
Un saudiño